• <
    novagaliza@hotmail.com


    A farsa de "Galicia Bilingüe" Os "nom nacionalistas" Vivamos como Galegos! Galiza nom se vende! Esta web apoia a iniciativa dum domínio galego próprio (.gal) na Internet Apoiamos a Isaac Díaz Pardo

    26 Junho 2009

    Carvalho Calero, uma vida a prol da língua (e) da Galiza

    No próximo ano de 2010 celébrase o primeiro centenario do nacemento e, a un tempo, tamén se choran os vinte anos do falecemento dese grande galego que foi don Ricardo Carvalho Calero.

    Co gallo dos referidos aniversarios, aumentan as voces que reclaman un Día das Letras para o autor de Ferrol-Vello, visto por moitos como a esencia do que puido ser e non foi para a nosa lingua, o máis forte elo de unión entre a Galiza e a lusofonía. Ao apagarse a súa chama, apagouse tamén un debate que volve a cobrar forza nos últimos tempos: Reintegracionismo si ou non?

    Cómpre dicir antes de máis nada, que falarmos do profesor ferrolán é falarmos do primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas, do filólogo estudoso e comprometido, do renovador literario das nosas letras, do pai do reintegracionismo lingüístico galego e, aínda, do loitador infatigábel polas liberdades e dereitos da Galiza e as súas xentes. Vida tan produtiva ben merece unha explicación menos esquematizada. Vexamos pois.

    Carvalho naceu un 30 de outubro de 1910 no barrio de Ferrol-Vello, no seo dunha familia burguesa que vivía nunha casiña sita no número 51 da rúa de San Francisco, hoxe en proceso de recuperación logo de anos de total abandono.

    Os primeiros pasos académicos de Calero terán lugar nunha escola da rúa Madalena e no Sagrado Corazón de Jesús, dirixido por Manuel Comellas, un dos autores do noso Rexurdimento literario.

    Rematado o Bacharelato en 1926, matricúlase na universidade de Compostela, a única existente na altura. Calero sempre comprometido, sen lle importar o feito de estar en plena ditadura militar de Primo de Rivera, participará nos movementos de resistencia estudantil, chegando mesmo a ser presidente da Federación Universitaria Escolar (FUE), entidade de tipo sindical-escolar.

    No primeiro ano como universitario, en abril de 1927, ingresa no SEG (Seminario de Estudos Galegos) institución que tiña como finalidade o estudo e divulgación do patrimonio cultural galego e a formación de investigadores.

    Catro anos despois, rematados os estudos de Dereito, Calero publica na editora Nós de Ánxelo Casal, seu primeiro poemario en galego: Vieiros. Será nese mesmo ano, no que co-funde o Partido Galeguista do que será membro xunto a Castelao ou Alexandre Bóveda.

    Xa en 1936, en tempos de república, o pobo galego aproba maioritaria e soberanamente o plebiscito de Estatuto de Autonomía da Galiza. Porén, o 18 de xullo do mesmo ano prodúcese a sublevación militar contra o goberno lexítimo e progresista da Frente Popular. O enfrontamento armado dará paso a un réxime ditatorial fascista que durará corenta anos e ao que seguirá a restauración borbónica en que nos encontramos hoxe.

    O supra referido levantamento militar sorprenderá a Calero en Madrid, recentemente licenciado en Filosofía e Letras, onde tiña a intención de presentarse a concurso para catedrático de instituto. Solidario coa causa vermella, incorpórase logo como miliciano ao exército republicano chegando mesmo a ser elevado ao rango de Oficial.

    Terminada a guerra, en 1939, é detido, xulgado e condenado, ficando no cárcere até o ano 1941, en que baixo réxime de liberdade controlada, regresa a Ferrol para exercer como docente no ensino privado, xa que non lle permiten colexiarse.

    No ano que marcou a metade do pasado século, década coñecida popularmente na Galiza como “os anos da fame”, Calero trasládase a Lugo, onde exercerá como director do colexio Fingoi e onde continuará cunha extensa produción científico-literaria que terá continuidade durante toda a súa vida. Oito anos despois, o 17 de maio de 1958, incorporarase á Academia Gallega co discurso de ingreso: Contribuiçom ao estudo das fontes literárias de Rosalía.

    En 1972 consegue por concurso a primeira Cátedra de Lingüística e Literatura Galega na Universidade de Compostela, feito primordial e histórico para a dignificación da nosa cultura e da nosa lingua.

    Cinco anos despois, co pasamento de Sebastián Martínez Risco, Carvalho é proposto para o cargo de presidente da Real Academia Galega, que ficara libre, mais non acepta, coñecedor de que non era un candidato ben visto pola oficialidade.

    No último ano da década de 70 do pasado século, Calero fai parte da Comisión Lingüística da Xunta preautonómica que elabora unhas Normas Ortográficas do Idioma Galego, onde ficaba patente a división de pareceres entre as posturas “reintegracionistas” e “isolacionistas”. As referidas normas permitían certo número de solucións duplas que deberían dirimir tendo preferencia unhas sobre outras. Tres anos despois, un ano decisivo na nosa historia cultural como pobo e que marcou o camiño das nosas letras, as normas feitas en consenso foron anuladas unilateralmente para seren aprobadas, mediante decreto impositivo (o coñecido como Decreto Filgueira), as aínda hoxe vixentes Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (ILG-RAG), responsabilidade do asturiano Constantino García, catedrático de Lingua Española.

    Triunfou, forzosamente, a normativa non etimolóxica, non histórica e non científica, que supeditou a nosa escrita ás normas do español.

    Don Ricardo, categórico, foi consecuente con el propio até o fin dos seus días sen renegar da súa postura, e é que Calero, máximo defensor da tendencia reintegracionista, non dubidaba: “O Galego ou é galego-português, ou é galego-castelhano. Nom há outra alternativa”. É por todos sabido que ésta foi a razón pola que se viu (e se ve) afastado dos círculos culturais hexemónicos, pois o seu recoñecemento público podería abrir novamente un debate que, até ben pouco, estaba silenciado.

    A pesar do exposto, Calero foi nomeado membro ordinario da Academia das Ciências de Lisboa, membro de honra da Associaçom Galega da Língua (AGAL), da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), das Irmandades da Fala, e foi destacado coa categoría de Fillo Predilecto de Ferrol. Tres meses despois, un 25 de marzo de 1990 morría en Compostela, cidade na que pasou os últimos anos da súa vida.

    Literariamente, Carvalho Calero adicou unha vida enteira á dignificación da nosa lingua e da nosa cultura, tal que un lóstrego que enche de luz a escuridade da noite, sacando ao prelo obras de perentorio valor filolóxico como a História da Literatura Galega Contemporânea (1963) ou a Gramática elemental del gallego común (1966); os poemarios O silencio axionllado (1934) ou Saltério de Fingoi (1961), as novelas Gente da Barreira (1950) ou Scórpio (1987), e aínda diversas pezas de teatro, ensaios etc. que axudaron á creación da cultura de nós.

    Innegabelmente, a figura literaria que representa Calero supón un dos máis grandes vultos da nosa historia, porén, continúa á espera das homenaxes e recoñecementos que merece por parte das institucións públicas.

    O noso pobo ten un compromiso ético e moral para con Calero que debe ser saldado, por iso desde estas liñas, sumámonos á importante masa social e ás diversas asociacións e entidades que levan anos reivindicando seu nomeamento, sería un acto de xustiza do que todos deberíamos ser partícipes. Que a luz da súa chama continúe acesa: Eu apoio!

    http://mas.laopinioncoruna.es/suplementos/2009/06/20/carvalho-calero-unha-vida-a-prol-da-lingua-e-da-galiza/

    Creative Commons License
    Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial-Sen obras derivadas. 2.5 Portugal de Creative Commons.


    Dende o 1 de setembro de 2005